Tuesday, July 26, 2005

cidade da cultura ánxel casal

en palabras de castelao, "casal fixo por galiza máis ca todos nós". a figura de ánxel casal, pola súa importancia cultural e política, e pola súa tráxica morte, merece un recordo especialísimo no corazón de galegos e galegas.
a súa magnanimidade editorial, o seu honrado compromiso republicano e a súa xenerosidade con escritores e artistas, demandan para el un lugar de honra nos recoñecementos que xa son posibles.
como alcalde de compostela, cando foi asasinado, como editor e promotor cultural por conta propia, ánxel casal é a personalidade máis axeitada, a criterio da agrupación literaria sentimentalista, para darlle nome á cidade da cultura que axiña abrirá as súas portas na capital de galicia.

Thursday, June 23, 2005

unións libres

o matrimonio é unha herdanza da tradición xudeu - cristiá, que a igrexa católica converteu en fórmula (que eles denominan sacramental) para tutelar e dirixir a sociedade.

é historicamente o cristianismo quen consagra, en europa, o matrimonio heterosexual como fórmula de vinculación das persoas ante o estado. nesa defensa están de acordo os presentados como reaccionarios (o papa bieito dezaseis e os monseñores) e os presentados como innovadores (hans küng ou miret magdalena). a diplomacia vaticana sempre foi moi hábil nese dobre xogo de manter diferenzas aparentes para preservar, no fondo, a unidade de acción.

unha ollada a outras sociedades (a través de antropólogos como f. engels, margaret mead, marvin harris, godfrey lienhardt ) permite observar a condición antinatural do matrimonio cristián, porque non pode merecer outro cualificativo a imposición dunha parella sexual para toda a vida.

non é labor do estado casar nin descasar, senón constatar. para resolver problemas, están os tribunais de xustiza. non importa se as persoas que se vinculan son homosexuais, heterosexuais, tres ou vinte... de seu, constitúen unha agrupación civil e teñen dereito a presentarse, como tal, ante o estado. sinxelamente.

xesús manuel valcárcel